Honrar o pasado para iluminar o futuro
A orixe e a identidade da cidade de Pontevedra están estreitamente vencelladas á ponte do Burgo, símbolo de tránsito e de conexión, de achegamento intercultural, de disolución de fronteiras e de camiño de fraternidade e concordia.
É a ponte do Burgo a nosa ponte fundacional, a primixenia, a máis antiga das que actualmente unen as dúas beiras dun río que, lonxe de funcionar como fronteira natural, rematarou por quedar integrado como un elemento máis da propia cidade.
As pontes simbolizan ideais e aspiracións da humanidade e a Ponte do Burgo narra o relato emocional dunha Pontevedra que sempre mantivo o seu carácter de cidade hospitalaria, xenerosa e acolledora.
Nos inicios, historia e lenda van da man no nacemento dunha ponte romana da que apenas quedan vestixios; para continuar con fitos como a sinatura da Paz do Lérez entre os reis de Castela e Portugal sobre a denominada daquelas ‘a ponte vella’; seguido do protagonismo económico e social que a ponte tivo durante a época medieval, cando Pontevedra era un centro fundamental do comercio marítimo; e chegando aos nosos días, tras a remodelación e ampliación de mediados do século XX, convertida nunha icona da cidade e nun punto de referencia no paso de milleiros de peregrinos e peregrinas cara as terras de Compostela.
A ponte do Burgo carrega sobre os seus 800 anos de vida todo un ronsel de avatares, os propios de cada etapa histórica que lle tocou vivir. Nestes comezos do século XXI, convertida Pontevedra en referencia mundial de modelo urbano sustentable que reinvidica os espazos públicos para as persoas, a ponte do Burgo tamén merece facer parte activa desta forma de concibir, e vivir, a cidade.
A ponte do Burgo do século XXI muda de pel para reforzar a súa dupla función de elemento de tránsito e de punto de encontro. Así, será a un tempo un mirador privilexiado sobre o río, un treito que continúa a senda fosforescente que o Camiño vai marcando no seu paso pola cidade, e un espazo acondicionado para acoller tanto a vida diaria da veciñanza como novas citas culturais, deportivas e de lecer.
A ponte do Burgo do século XXI adopta unha nova fisonomía modelada pola luz. Neste tempo histórico caracterizado pola hipertecnificación, escollemos os avances da tecnoloxía lumínica para poñelos ao servizo desta ponte histórica, para enaltecer e honrar unha obra de enxeñería que é un piar esencial na nosa memoria comunitaria.
A ponte do Burgo do século XXI é unha ponte de luz, material e simbolicamente. Que a súa historia ilumine o noso futuro colectivo.