01 Set Luces ornamentais, unha mostra e roteiros durante todo o mes de agosto para inaugurar a ‘nova’ ponte do Burgo
- Trátase dunha “inauguración espallada” co obxecto de evitar aglomeracións e facilitar a participación da veciñanza atendendo aos protocolos Covid
- Preferencia peonil, nova iluminación e remodelación dos entronques nas dúas cabeceiras coa creación dunha praza na cabeceira norte, principais melloras desta actuación
As obras de posta en valor da ponte do Burgo rematan esta semana e para celebralo o Concello deseñou unha “inauguración espallada” ao longo de todo o mes de agosto, co obxecto dar cabida ao maior número posible de persoas atendendo ás medidas de distanciamento social e de seguridade e prevención da Covid-19. Anunciouno esta mañá o concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, quen explicou que o primeiro acto formal terá lugar o martes 4 e continuará con roteiros os mércores 12, 19 e 26 de agosto.
O primeiro dos actos, o do día 4 de agosto, comezará ás 22h coa apertura da mostra sobre a Ponte do Burgo na que se fai un percorrido por todas as etapas históricas desta infraestrutura e a súa relación coa cidade. Ás 22:30h está previsto que se faga o primeiro acendido monumental da ponte e ás 23h un acendido ornamental con luces de cores que durará menos dun minuto. O acendido ornamental repetirase todos os días á mesma hora. Demetrio Gómez aproveitou para facer un chamamento á veciñanza para evitar aglomeracións indicando que haberá suficientes días e suficiente espazo para ver estes acendidos respectando o distanciamento social, xa que polas dúas beiras do río entre a ponte de Santiago e a ponte das Correntes hai 1,5 kilómetros.
Fonte: https://maismodelo.pontevedra.gal/