Inicio A ponte no tempo

A ponte no tempo

A ponte que chegou a nós case non ten elementos orixinais da longa ponte que segundo apuntan todas as fontes, se construiu hai máis de 800 anos, durante o século XII.

En 1165 Fernando II de Galiza e Alfonso I de Portugal asinan a Paz do Lérez “super flumen Lerice in vetula ponte”, do que se deduce que existiría unha vella ponte aínda que se estivese construíndo a nova. Ou non.

SEIS SÉCULOS SEN USO
Parece que a construiron perto da antiga ponte romana, que a mediados do século XII era unha ruina En 6 séculos case non tivera uso, xa que a sociedade altomedieval vivía recluída en poboados autárquicos e pouco urbanizados.

CADA VEZ MÁIS CEGA
Orixinariamente a ponte non chegaba aos 300 m, entre os estribos e a parte central. Os ensanches da vila e a procura de maior calado nun río cada vez máis cheo de sedimentos fóron obrigando a cegala cada vez máis.

NOVA INFRAESTRUTURA
O reino precisaba infraestruturas viarias para a loxística comercial dos novos portos que se ían creando. O camiño natural da depresión meridiana servía de novo para comunicarnos de norte a sur.

PERDE O PRIMEIRO OLLO
Nos séculos XVI e XV realizáronse ampliacións. Un viaxeiro hamburgués en 1494, Jerónimo Münzer, deixa escrito que Pontevedra ten unha fermosa ponte ten 14 ollos. Segundo se ten constatado, a ponte perde o seu primeiro ollo dos 15 orixinais por esa época, ao construirse un novo malecón para aumentar o calado do peirao.

ADEUS AO PETRIL
As duras inclemencias meteorolóxicas entre 1571 e 1640 (que algúns autores chamaron “pequena idade glaciar”) contribuiron a cegar e deteriorar a ponte debido aos arrastres en suspensión. Tanto foi así que en novembro de 1658 derrubouse o petril para que a auga circulase libremente sobre a ponte.

DOCE ARCOS NO SÉCULO XVIII
En 1719 os ingleses ocuparon Pontevedra durante 10 días. Ao abandonar a cidade destrúen as torres da ponte e o edificio da cadea, que reedifican en 1750. Nese momento, o Padre Sarmiento fala dunha ponte de construción moderna de 12 arcos.

ADEUS AO CASTELIÑO
En 1780 o arcebispo Malvar impulsa o camiño real entre Ponte Valga e Ponte Sampaio, o que supuxo o ensanche da ponte dous metros, derrubando o casteliño de entrada desde O Burgo e a propia torre da ponte.

BARANDA METÁLICA
En 1890 volve a retirarse o petril de pedra e instalarse unha baranda metálica e incorpórase un voladizo sobre canzorriños. En 1904 faise un novo malecón e desaparecen totalmente os restos da cadea. Pouco despois, en 1915, substitúese a lousa da calzada por lastro.

Sobre 1570 o mestre Mateo López acometeu unha reforma que foi a que inmortalizou Pier María Baldi en 1669 aproveitando a viaxe de Cosme III de Médicis. Entón tiña 12 arcos, os mesmos que cando en 1697 alguén describe as medidas da ponte: 158 m de longo e 3,75 de ancho.

A reforma de 1954

En 1954 chega a gran reforma, que costou millón e medio de pesetas, e comezou tras construir unha pasarela de madeira para a circulación das persoas.

Desmontaron toda a superestrutura da ponte, reforzaron as antigas bóvedas e construiron outras de formigón armado recuberto de sillería.

Estes arcos “exteriores” que voan sobre a antiga estrutura, teñen entre 9 e 13 metros de luz, conseguindo un aspecto uniforme e de peculiar singularidade.

Daquela incorporárase un alumeado de 12 farolas de esbelto fuste de formigón, con 2 lámparas cada unha, e os detalles decorativos de significación xacobea.

A historia da ponte e as súas ampliacións, chega en 2018 a un novo chanzo evolutivo.

Recupera a súa camiñabilidade e incorpora elementos tan contemporáneos como a luz, convertíndose nun destacado monumento urbano que exhibirá o seu valor as 24 horas do día.