Inicio A cidade e o mar

A cidade e o mar

A dimensión mariñeira de Pontevedra foi un dos motores do progreso da cidade ao longo da súa historia.

Algúns achádegos tanto na propia cidade como en castros ou poboamentos próximos, dan idea dunha certa actividade comercial na época romana.
O mar foi protagonista desde a súa fundación no século XII como parte da estratexia urbanizadora do territorio galego promovida polos monarcas da época.
A cidade emprende unha clara vocación pesqueira, chegando a obter importantes privilexios comercializadores.
En 1467 concédese a celebración da Feira Franca e en 1484 iníciase a actividade do cerco.
O progreso económico da época permite á Confraría do Corpo Santo edificar a gran obra do renacemento galego: a Basílica de Santa María.

O río comunicaba a vila coas reservas forestais do interior, importante tanto para o comercio de madeira como para a construción naval e a industria dos toneis. A exportación de viño do Ribeiro que portaban os arrieiros polo camiño de Castela adquiriu tamén enorme relevancia.

As Moureiras eran os arrabaldos mariñeiros da vila, onde vivían mariñeiros e mareantes e onde se localizaba toda a actividade marítima: peiraos, alfolíns (almacéns de sal) e outras instalacións hoxe convertidas en residencias, desaparecidas ou soterradas baixo as novas avenidas.

Fotografía da Hispanic Society of America onde se ve a ponte e o río sen excesivos recheos, a principios do século XX ou finais do anterior.

A rica cartografía

Arriba, o mapa do cartógrafo Pedro Teixeira (1634). Abaixo destas liñas, o plano da ría que fixo en 1595 o alférez Rodríguez Moñiz. Á súa dereita, a carta náutica de Tofiño, de 1814. Abaixo de todo, o mapa da Catografía Española de 1792.