Inicio A muralla

A muralla

Entre a fundación da cidade no século XII, e o século XV, vai desenvolvéndose a muralla, con clara función defensiva.

Ao principio parece ser unha cidade afortalada para vixiar o río e a ponte, como Tui ou Valença.

Ao longo dos séculos e tras batallas nobiliarias, pestes, épocas de prosperidade e revolucións como a Irmandiña, a muralla vai ampliándose cara ao leste, mantendo a parte máis alta, Santa María, como vixía do último treito do Lérez.

A partires do SXV coa implantación do Estado Moderno dos Reis Católicos e a decapitación do Mariscal Pardo de Cela como símbolo da nobreza galega, a muralla deixa de ter un carácter defensivo e pasa a ter unha función de control fiscal e sanitario.

ASÍ IMAXINOU A PORTA DA VILA OU DE SAN DOMINGOS NO SÉCULO XV CELSO GARCÍA DE LA RIEGA (ILUSTRACIÓN REALIZADA A COMEZOS DO SÉCULO XX).

De 1595 é o retrato da vila e a “morería” de Pontevedra realizado polo alférez Rodríguez Moniz, que se conserva no Arquivo Xeral de Simancas (Valladolid), que mostra o estado da muralla nesa altura.

En 1850 a muralla comeza a derrubarse, xa que o estado liberal promovía cidades abertas nas que os muros impedían a expansión.

Non só derrubaban murallas, senón todo tipo de edificios que parecesen vellos, entre eles a igrexa de San Domingos.

Cando se fundou a cidade (1169) construíase a nova ponte perto da vella, a que deu orixe ao nome da cidade. Dese época é o primeiro núcleo murado, entre Santa María e As Cinco Rúas.

No século XIII amplíase cara ao peirao e a actual praza de Méndez Núñez grazas ao pulo das cidades costeiras galegas, onde se desnvolve a pesca.

A comezos do XIV volve a ampliarse ata a Ferraría. As ordes mendicantes que se están instalando, Santa Clara, San Francisco e San Domingos, quedan fóra do recinto urbano.

Despois da crise de mediados do século XIV, en que se estanca a cidade, volve a tomar músculo coa concesión da Feria Franca e o desenvolvemento comercial do SXV tras a revolta Irmandiña.

Entre mediados e fins do século XV a muralla chega xa a Michelena e Cobián Roffignac.

É precisamente cabo da ponte onde a muralla sofre máis modificacións, pois os constantes recheos obrigan a cambiar o curso do muro.